Skip to Content

Persoaxes

Regueifeir@s históric@s

Na súa nota necrolóxica por mor do pasamento de Calviño de Tallo, Domingo Blanco menciona a algúns dos mantedores da tradición da Regueifa na comarca de Bergantiños dos que apenas quedan os nomes na lembranza dos seus discípulos e na dos seus veciños e espectadores: "Nese tempo (década dos 50) había unha ducia de bos regueifeiros en Bergantiños: Blanco de Muiñoseco (por riba de todos), Mandián, Celestrino, O Atrevido de Grixoa, Chemaría, Costa de Xaviña, Fermín da Feira Nova, Guillermo da Rabadeira, O Churrero (de Caión), un de Cesullas e o propio Calviño". Calviño participou na maioría de regueifas que se celebraron nese período en Bergantiños e, dende logo, nas máis importantes, tamén nas doutras comarcas (na Pereiriña, varias veces en Senande...), en Vimianzo (1976) e mesmo fora do ámbito da "regueifa pública", como na 1ª regueifa gravada en TV (con Celestino, o Bailón e o Caldeireiro) e nunha disputa cantada cunha cantadeira (recollida por D. Schubarth).

En Bergantiños recórdanse, entre outras, dúas regueifas en Xaviña (Coristanco) polo 60 e pico con Costa e Blanco (e Mandián nunha e Celestino noutra) que duraron ata a mañá, ata o día seguinte; as da festa da Pataca de Coristanco (foi 7 ou 8 veces) e a da homenaxe a Blanco (1980).

Dende o falecemento de Mandián e a decadencia de Blanco, Calviño foi o regueifeiro máis estimado e coñecido. Tiña boa voz, "armaba" moi ben (inventaba e construía moi ben as coplas), tiña boas saídas, bo sentido do humor e unha gran resistencia; era, ademais, moi respectuoso con contrincantes e o público, tiña un notable dominio de escenario e en suma, caía ben a uns e outros. Como dicía del outro regueifeiro, "é moi bo, moi home, moi útil", é dicir, daba unha dignidade, unha certa autoridade a regueifa, levábaa polo bo camiño da man da súa firmeza, a súa moderación (o que se chama alí "educación") e o seu sentido do humor."

Somos coñecedores tamén a través de fontes variadas de, entre outros: Severino Pazos Feal de Serantes (Laxe) Cadete da Campara, "O Camuzas", "O Piloto", "O Verdías", Leonarda de Tallo, "O Churrillo", "O Sotelo", "O Galo", Maximino de Mens, Carlos “O Xestal”...

Do Atrevido de Grixoa hai uns anos (2009) realizouse un DVD coa súa vida, ademais dun libro dedicado a recompilar algunhas das súas regueifas, editado polo Concello de Cabana de Bergantiños, que da man de Xosé María e de Xosé Manuel Varela, apoiándose no seu alcalde, fixeron unha encomiable labor de recuperación da súa historia regueifeira coa publicación de diversos libros que teñen a regueifa como protagonista, como “A regueifa en Cabana de Bergantiños” de Domingo Blanco.

En Camariñas, Vimianzo e Muxía houbo unha gran tradición no século pasado de regueifa e son recordados moit@s dos seus cantadores: Cándido Rodríguez "O Caldereiro de Carnés", "O Pandilla" ou "Piollo", os irmáns Santos, "A Morte", Manuel de Sánchez "O Seixas Vello", Benedicto "O Seixas Novo", O Torto de Prado, Xaime Castiñeiras de Caberta, Francisco Canosa Barrientos "O Nemiñán de Risamonde", Pepe Grande de Quintáns, "A Vella" de Senande, Filomena de Teresa de Buiturón "A Lovaia"... Foron os bos tempos da regueifa como espectáculo no mundo rural: durante 20 ou 25 anos o público das aldeas e vilas acudía a cada regueifa, sen que as orquestras ou a música da megafonía electrónica puideran impedir o seu éxito.

En diversas edicións do Certame de Improvisación Oral tivemos a honra de contar coa presenza dalgúns personaxes inesquecibles dentro do mundo da regueifa. Neste curruncho dedicamos un espazo especial na lembranza de moit@s del@s.

 

Leonarda de Tallo

Unha das persoas máis celebradas e lembradas polo inconsciente colectivo na arte da improvisación oral en verso na área da Baixa de Bergantiños foi unha muller. Era de Tallo, chamábase Leonarda Fuentes Couto (alcumábana “A Negra”) e foi unha das pioneiras na arte regueifeira, enfrentándose aos homes como case ningunha o fixera antes. A colectividade lémbraa como a primeira muller que foi quen de facelo, e aínda resoan as súas coplas hoxe en día. Muller brava e rebelde, abriu o camiño que hoxe en día continúan outras como Lupe Blanco ou Alba María. Faleceu no seu domicilio a consecuencia de debilidade senil en 1937.

B4c

Blanco de Muiñoseco

Foi sen dúbida un dos regueifeiros de mais sona da comarca de Bergantiños, natural da Varela, na parroquia de Traba (Coristanco) comezou a cantar moi novo. Segundo el contaba, o bo da regueifa é que haxa desafío e un bo opoñente que conteste ben, senón non ten mérito. Casou aos 25 anos no lugar de Muiñoseco onde viviu o resto da sua vida. Finou o 28 de outubro do 1988 con 96 anos.

Celestino de Leduzo, "Celestrino"

Celestrino foi un dos importantes regueifeiros do século XX. Durante máis de 30 anos cantou por festas, romarías e outras celebracións co seu inseparable compañeiro Calviño de Tallo. Herdou a paixón por esta arte popular do seu avó materno, Bernardo, e comenzouna a practicar xa desde pequeno. A morte deste cantador cerquedán (1983), con tan só 53 anos, deixou orfo o mundo da regueifa en Bergantiños.

Calviño de Tallo

Xosé Fernández Rama (Tallo, Ponteceso) empezou a cantar regueifas aos 20 aos, nun permiso do servicio militar (ano 1951). O seu mentor e mestre foi Mandián (Xosé García Amarelle, Xornes: 1924—1981), quen a pesar de morrer cedo (con 56 anos) deixou sona na comarca e transmitiulle a Calviño algunha das calidades polas que foi coñecido e estimado (a moderación e a inventiva sobre todo). Antes cantara en privado e, sobre todo, participara nas “regueifas” de taberna, primeiro como espectador, despois como cantador. O día 4 de xaneiro de 2003 faleceu Calviño, un dos símbolos da cultura popular galega na comarca de Bergantiños.

 

O Atrevido de Grixoa

Xosé González Muíño, O Atrevido de Grixoa, nacido en 1921, foi un dos regueifeiros máis antigos da bisbarra e cantou a súa primeira regueifa na súa Santa Comba natal arredor de 1941, cando só tiña 14 anos. "Aprendín a conta dos compañeiros, en bailes, foliadas e romarías” explicaba González nunha entrevista que recolle o libro “Regueifa dunha vida” editado polo concello de Cabana de Bergantiños. “O Atrevido de Grixoa” levaba no seu nome de guerra ao seu lugar de nacemento e tamén a característica de “home valente e moi botado para adiante”. Finou o 2 de agosto de 2002.

Costa de Xaviña

Jesús Fernández Calvo foi un dos últimos regueifeiros de Bergantiños. Debutou en 1940, apadriñado por outro dos grandes, o mítico Blanco de Muiñoseco, considerado coma o mestre dos cantores da comarca. Costa de Xaviña morreu no ano 2007.

Fermín da Feira Nova

Fermín da Feira Nova (Coristanco) naceu no 1936 no municipio de Cabana. “Empecei cando tiña uns 35 anos”, afirmaba. Botaba en falta a unión para protexer e recuperar esta arte. “ Canto eu daría por poderlle ensinar isto aos rapaciños, aínda que non foran máis cá dous”. Faleceu en 2013.

Guillermo da Rabadeira

Guillermo Vázquez Vila nace na Rabadeira (Seavia) en marzo de 1937. Como el mesmo dicía, a regueifa xa lle levaba idea desde rapaz, e pasou boa parte da súa vida percorrendo Galiza, xunto con outros regueifeiros. Finou en setembro do 2016.

 

Brindeir@s históric@s

 

Ribeira de Louzarela, Antonio Rio

Falar do Ribeira de Louzarela do Cebreiro é falar dun dos mellores brindeiros na historia desas terras. Percorreu boa parte das aldeas e lugares da Serra animando festas, vodas e calquera actividade co seu bo humor e os seus brindos retranqueiros. A súa facilidade para improvisar rimas cantadas levárono a ser partícipe no vello costume de brindar aos noivos antes, durante, e despois do casamento se a cousa se prestaba; unha tradición que estivo moi arraigada na vida e xentes da montaña luguesa. En agosto deste ano 2020, o Ribeira faleceu á idade de 93 anos (2020), deixando orfa a arte improvisada dos brindos na montaña luguesa .

Pepe de Forgas

Álvaro de Forgas

Bautista de Bustofrío

Sixto de Rexoá

Elvira Touzón

Voltar arriba