Skip to Content

Disciplinas paralelas

Como se dixo na introdución e noutros textos estamos convencidos de que a regueifa pode entroncar coa realidade de hoxe en día con diversas manifestacións de improvisación, tanto cantada como rimada como co teatro improvisado.

Por iso imos falar agora dalgunhas destas outras disciplinas paralelas coas que se teñen establecido vínculos ao longo de distintas edicións do Certame de Improvisación Oral.

A música electrónica máis moderna tamén pode recoller a tradición oral no seu repertorio como fai o franco tirador musical Zimmer103 que samplea aos míticos Calviño de Tallo, Guillermo Vázquez, Ribeira de Louzarela e Carlos "O Xestal" no seu disco que se pode escoitar nesta ligazón:

O hip hop (rap e freestyle)

É un movemento cultural nacido a finais dos 70 e comezos dos 80 en barrios marxinais de Estados Unidos. Nel conflúen diferentes manifestacións como o break dance, o graffiti, o rap e os DJ. Existe unha certa tendencia social a relacionar este tipo de música con persoas marxinais e conflitivas, o que en moitos casos dificulta o coñecemento e difusión deste estilo musical e cultural.

Os especialistas afirman que o hip-hop ten unha orixe africana. Porén, na Galiza, podemos atopar un precursor deste fenómeno de canción improvisada, de rima sinxela e temática social nas letras. Usualmente asóciase o termo a un estilo musical, non obstante, trátase dun movemento moito más amplo que abarca outras manifestacións artísticas. Mentres un ou varios DJ pinchan a base musical do espectáculos, o MC. ou cantante rapea e anima ao público cos seus temas. Ao redor do rapeiro poden estar bailando varios breakers. Nalgúns casos este espectáculo vese complementado coa realización, in situ, de graffitis.

Pola súa banda, o rap, a música falada que naceu coma todo este movemento nas rúas dos barrios negros de Nova York, tivo unha difusión meirande cós outros xeitos de expresión do hip-hop, saíndo incluso fóra do seu círculo para atinxir artistas pouco ou nada involucrados nesta cultura, e hai que destacar os Resentidos coma un dos primeiros grupos galegos, como para tantas outras cousas, en incluír este estilo no seu repertorio musical. E cun éxito notable con temas como Arde Galicia que supuxo o encete dunha nova etapa de esplendor, relativo, da música cantada na nosa lingua.

Outros moitos, malia o carácter eminentemente urbano e novo do movemento, co que isto implica en canto a uso do galego, decidiron empregar a nosa lingua para botar as súas rimadas e así xurdiron os Irmáns Bochechinhas, os Skornabois, o Pinto D’Herbón ou Marisol Man Furada, todos eles rimadores heterodoxos que tiñan moito máis presentes as tradicionais regueifas có Bronx neoiorquino cando compuñan as súas cancións, pero que non por iso deixaron de nos achegar unhas creacións de calidade e cun selo persoal que non deixa indiferente. Tamén hai algúns anos, o Luar da TVG fíxolle un oco ao rap coas Garotas da Ribeira que aparecían decote cunhas letras provocativas que o presentador adoitaba cortar sen miramentos, alarmado polas indecencias que saían dos beizos das rapazas.

Un dos epicentros do rap rimado en galego está na vila de Ordes onde o colectivo formado ao redor do grupo Dios k te Crew, mantén a perspectiva galega da xa chamada nova lírica urbana. Cómpre tamén destacar a escena santiaguesa con bandas coma Non Residentz, Hip Hop Ateneu, Noitebregos, graffitteiros coma Cousas Novas e breakers coma Playmovil Kids.

Nos últimos tempos hai que destacar un grupo pontareán chamado Son da Rúa, que xa introducen sesións de freestyle nas súas actuacións.


O teatro improvisado


MACHT DE IMPROVISACIÓN
É un campionato onde os “loitadores” son actores e actrices cuxa única arma é a improvisación. O público será o encargado de decidir quen consigue a victoria final dese día. Os puntos de cada función iranse acumulando e, ao final de temporada, o loitador que lograse unha puntuación máis alta alzarase co cinto de “campión da impro”.

Cada espectáculo é diferente e único porque só se enfrentan dous ou tres dos 8 personaxes que existen. E porque, ademáis, o guión varía cada día. Ao entrar, os espectadores escriben nun papel un título cualquera. Logo introducen este papel nun baúl. Cando comece a sesión, presentaranse as diferentes probas que enfrentarán aos loitadores utilizaranse en todas elas dun xeito ou outro os títulos escritos polo público. As opcións son case ilimitadas: o título extraído será o tema sobre o que improvisar unha historia; ou será unha frase que deberán intercalar no guión ao seu antollo; ou unha frase que deberán pronunciar cada vez que o árbitro toque o chifro…

E todo isto cunha dificultade engadida: cambiar de personaxe cada vez que sone o chifro, ou cambiar de rexistro teatral, ou dicir frases que comecen por unha letra determinada… Todo vale con tal de arrincar unhas gargalladas ao público que será o que, tras cada asalto, vote co programa de man pola cor do seu gañador.

Slam

Comezado a mediados dos noventa, a slam poetry é un xeito de expresión poética que transcorre no marco dunha competición, o slam. Neste certame, os participantes recitan os seus poemas e o público, seleccionado ao chou como xurado, encárgase de valorar a calidade literaria do poema e a expresividade artística na súa exposición.

O contido marcadamente social das súas poesías e o feito de que os textos se creen para ser recitados distinguen a slam poetry da poesía tradicional. A este novo xénero, califícano algúns como «a democratización do verso».

Voltar arriba