Skip to Content

Galicia estivo presente no XXIII Festival Internacional de Cante de Poetas

O festival Cante de poetas de Villanueva de Tapia é un referente a nivel mundial para o mundo da improvisación, e o paso da regueifa por el, foi “enriquecedor e proveitoso”, segundo Lupe Blanco, unha das representantes galegas. “Poder compartir tres días cos mellores improvisadores e improvisadoras do mundo faiche abrir os ollos a novas disciplinas que descoñecía, novas melodías, diferentes métricas e tamén moitas similitudes que temos todos á hora de traballar nos nosos
países”.
Ali estaba Cuba, comandada polo grande Aléxis Díaz Pimienta, unha institución e referente no campo da metodoloxía da improvisación. O seu libro “el método Pimienta” é para calquer improvisador unha “biblia” á hora de aprender a improvisar con dinámicas e xogos.
Puerto Rico, grandes músicos e históricos deste festival con Roberto Silva á cabeza, eles fan décima espinela coma en Cuba, coa súa peculiaridade de improvisar sempre co mesmo pé forzado que aporta o público.
Colombia, son os máis parecidos a nós. Fan a cuarteta igual que a nosa, coa cumbia sempre presente e un retrouso pegadizo que o público canta sen parar. Leidy Mejía e Picaflor son do melloriño na trova colombiana.
Chile sorprendeu moito, teñen unhas tonadas fermosísimas, auténtica poesía a que fan coa décima e a grande Caro López dixo que alucinara coa rapidez da regueifa, que nunca vira algo así!
Dende España estaban os troveros de Cartagena, Murcia, Almería, Poetas do Genil… no seu caso fan a mayoría quintilla a-b-a-b-a e por Cartagena xa tamén a décima, cantada con guajiras cubanas. “Chamoume a atención as dúas xeracións tan distintas no Genil, homes de máis de 70 ou 80 anos con rapazas, todas mulleres de 18 a 28 anos, todo un choque”, explica Lupe.
Por último tamén estaba Canarias, son excelentes na décima, destacando a Yapci Bienes e a Eduardo Duque, todo un descubrimento deste último, que actuou xa o primeiro día contra Pimienta e doulle que facer!! Todos eles xente marabillosa, moi atenta, con ganas de aprender e sobretodo xa unha amizade forxada vía online na mayoría dos casos. “Para min, poderme atopar en persoa con eles é un agasallo”, sinalou a regueifeira de Carballo.