Skip to Content

Enreguéifate 2022-23

Finaliza o prazo de inscrición no Enreguéifate 2022-23 con 43 vídeos recibidos

O pasado venres, 10 de marzo, pechou o prazo para participar no Enreguéifate 2022-23. Unha inscrición que rematou cun total de 43
regueifas anotadas: 35 delas na categoría escolar e 8 na xeral, chegadas desde todos os recunchos de Galicia, desde Carballo, Burela, Compostela, Dodro,
Vila de Cruces, Pontevedra, Teo, Vilalba ou Ames, entre outros. As regueifas participantes xa poden verse na canle de Youtube do certame e
tamén na web.

Hoxe mesmo comeza a fase de votación do xurado, que nesta ocasión está composto por Socorro García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago; Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro. Como cada ano, escollerán as regueifas gañadoras de seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. Os vídeos premiados desta edición anunciaranse a partir do 20 de marzo a través das redes sociais do Enreguéifate. O 14 de abril terá lugar a entrega de premios. Será na Gala Enreguéifate-Regueifesta, un acto que vai celebrarse no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, e que suporá un final de festa conxunto dos dous proxectos educativos. Reunirá un milleiro de escolares de Galicia e contará coa participación de alumnado improvisador de centros educativos de Euskadi e Cataluña. Enreguéifate é un proxecto impulsado polos Servizos e Departamentos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para o profesorado e para o alumnado, con máis de 80 obradoiros de improvisación oral e regueifa impartidos en centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo; ademais doutros catro abertos ao tecido asociativo celebrados no municipio de Carballo.

AdjuntoTamaño
N.P. Finaliza o prazo de inscrición no Enreguéifate 2022-23 con 43 vídeos recibidos.pdf311.56 KB